Este venres,16 de xaneiro, fixemos a xuntanza do Club de Lectura , nela compartimos impresións arredor de Hamnet, a novela de MaggieO´farrell, da que podemos dicir sen dubidar que foi unha lectura que nos gustou moito.
A partir dun feito real- a morte do fillo de WilliamShakespeare- a autora constrúe unha historia fonda, delicada e chea de emoción.
Hamnet non só é unha novela histórica, senón un relato íntimo sobre a perda, o amor e a dor, contado cunha linguaxe fermosa e chea de lirismo.
Durante a conversa destacou especialmente a forza dos personaxes , en particular, o de Agnes. Tamén nos impresionou a maneira na que O´farrell describe o dó, sen caer en sentimentalismos, facendo que o lector acompañe aos personaxes e empatice en todo momento.
Falamos tamén do ritmo pausado da narración, que invita a ler con calma, a saborear as palabras e a deixarse levar pola atmosfera da historia.
Unha xuntanza moi rica en reflexións e emocións compartidas.
Despois da xuntanza, asistimos ao cine a ver a versión cinematográfica, dirixida por Chloé Zao, da novela con posterior coloquio onde compartimos impresións e comentamos as semmellanzas e diferncias entre o libro e a súa adaptación ao cine.
Voltaremos a xuntarnos o 9 de marzo para falar do libro "Comerás flores" de Lucía Solla Sobral.
Este luns, celebramos unha nova xuntanza do Club de Lectura arredor do libro "Comerás flores", da autora galega Lucía Solla Sobral.
Durante o encontro compartimos impresións sobre a historia, os personaxes e os temas que aparecen na novela (as relacións tóxicas, a perda, os trastornos de conducta alimentaria, o maltrato...). Falamos tamén do estilo da autora e da maneira na que consegue transmitir sentimentos e facer que o lector se identifique con algúns momentos da historia.
Acompañamos a lectura cuns deliciosos postres que fixeron a sesión aínda máis agradable. Unha combinación perfecta: literatura, boa conversa, boa compañía e algo doce para compartir. Un placer, coma sempre!!!
Asistimos á presentación do libro de Lucía Solla, en Marín. Unha charla guiada por Arantza Portabales que nos permitiu coñecer de primeira man o traballo desta autora e da que gozamos moito .
A próxima lectura será: "A memoria do silencio"con Eva Mejuto, autora do libro.
Este venres, 17 de abril, tivemos unha xuntanza moi especial no noso Club de lectura arredor do libro "Memoria do silencio". Unha novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.
Queremos destacar e agradecer fondamente a presenza de Eva Mejuto, autora da novela, que tivo a xenerosidade de achegarse ata nós para compartir a súa experiencia e falar do proceso de creación da obra. As súas palabras axudáronnos a comprender mellor a historia, os personaxes e as intencións que hai detrás do libro. Un verdadeiro luxo!
Moitísimas grazas, Eva, por acompañarnos e por regalarnos este encontro tan fantástico e enriquecedor. Un pracer!!
Próxima lectura: "El baile de las locas". Victoria Mas.Salamandra.
Data prevista: 5 de xuño.
ROTEIRO DA MEMORIA DO SILENCIO
Hoxe, 25 de abril, vivimos unha xornada moi especial en Ribadavia co noso Club de Lectura "Seguindo as pegadas das irmás Touza".
Percorremos as rúas desta vila chea de historia, afondando na memoria destas tres irmás, exemplo de valentía e solidariedade. Durante o roteiro coñecimos de preto os lugares máis significativos (a estación, a casa do concello, a súa casa...a xudería) e poidemos comprender mellor o contexto no que desenvolveron a súa incrible labor.
Unha xornada moi enriquecedora, na que non só aprendemos historia, senón tamén valores como a empatía, o compromiso e a importancia de axudar aos demais.
Seguimos camiñando xuntas entre libros e historias que deixan pegada.
5ª Xuntanza
Hoxe, xoves 4 de xuño, celebramos a última xuntanza do Club cun picnic literario onde falamos da última lectura "El baile de las locas", ambientada no Paris de finais do século XIX, a autora parte dun feito real para denunciar como moitas mulleres eran encerradas por comportamentos considerados inapropiados ou rebeldes para a época, á vez que fai unha crítica sobre a sociedade e o machismo imperante.
Unha historia sobre a libertade, a dignidade e a necesidade de cuestionar os límites que unha sociedade impón aos que considera diferentes.
Durante a nosa conversa destacamos a capacidade da novela para provocar reflexións sobre cuestións que seguen sendo actuais: o pael das mulleres na sociedade, os límites entre a normalidade e a difernza, o tratamento da saúde mental e os mecanismos de exclusión que aínda existe hoxe
Unha lectura coa que gozamos moito e que recomendamos.
Moitísimazs grazas a todas por formar parte do club, cada encontro foi máis que falar duha lectura, foi un espazo para compartir ideas, emocións, recordos, risas e experiencias. Grazas pola participación, pola vosa xenerosidade e polas conversas que enriquecen cada sesión.
Voltaremos a xuntarnos á volta do verán arredor de dúas lecturas: "Mulleres que viven xuntas". Abril Camino. Xerais e "Lo inesperado". Pedro Simón. Espasa.
Deséxovos un verán cheo de descanso, de felicidade e, por suposto, de boas lecturas.
Playlist 2026/27 LER É UN PLACER!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario