Fai hoxe 105 anos nacía en Ferrol Ángeles Alvariño, unha precusora na investigación oceanográfica mundial.
Desde pequena caracterizouse por ter unha grande inquietude intelectual e demostrou unha habilidade especial e gusto pola lectura. Ata 1931 estudou en diversos centros educativos de Ferrol, para despois cursar o Bacharelato Universitario en Ciencias e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1933 coas disertacións: "Insectos Sociales" e "Las mujeres en el Quijote".
Aínda que en 1934 comeza os seus estudos de Ciencias Naturais na Universidade de Madrid, estes vense interrompidos polo peche das aulas, motivado pola Guerra Civil. Nese período Alvariño decide mellorar os seus coñecementos de francés e iniciarse na aprendizaxe do inglés, lingua que constituirá unha valiosa ferramenta de traballo na súa futura aventura americana nos Estados Unidos.
Unha vez aberta a universidade, Ánxeles continúa cos seus estudos e en 1941 realiza un Máster en Ciencias Naturais con Honores na Universidade de Madrid. De 1941 a 1948 imparte clases como profesora de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía, en colexios universitarios en Ferrol.
En 1951 obtén o Certificado de Doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal na Universidade de Madrid. Entre 1950 e 1957 é destinada como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía (laboratorio oceanográfico de Vigo).
Nos anos 1953 e 1954 recibe unha bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Plymouth, Inglaterra, baixo a dirección de Frederick S. Russell e Peter. C. Corbim. Ánxeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Participou en varias expedicións e cruceiros científicos no Atlántico e Pacífico, a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México.
Durante o período 1956-1957, Ánxeles recibe unha subvención da Comisión Fulbrigth para realizar investigacións científicas sobre zooplancto na Woods Hole Oceanographic Institution (http://www.whoi.edu/), de Massachusetts. Nos anos seguintes segue recibindo subvencións de institucións como a Marine Life Research, a Oficina Naval de Investigacións dos Estados Unidos e a National Science Foundation. No ano 1967 doutórase en Ciencias pola Universidade de Madrid coa tese: "Los Quetognatos del Atlántico. Distribución y Notas Esenciales de Sistemática".
Ánxeles pasa a ser unha muller precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños, os indicadores planctónicos para correntes oceánicas e para a pesca. Entre as ditas especies tomamos como exemplo: 1987: Medusa, Pandea cybeles (mar dos Sargazos), 1987: Chaetognata, Spadella pimukatharos (augas da illa Catalina, California), 1984: Sifonoforos, Lensia reticula e Lensia lelouve, 1983: Sifonoforos, Heteropyramis alcala e Thahassophye ferrarii (do Pacífico sur), 1983: Sifonoforo, Nectocarmen antonioi (de augas de California), 1981: Chaetognata, Spadella Legazpichessi (augas das illas Marshall), 1978: Chaetognata, Spadella gaetanoi (augas de Hawaii), 1972: Sifonoforo, Epibulia ritteriana, 1970: Chaetognata, Spadella (augas de Curacao), 1968: Sifonoforos, 2 novas especies, 1967: Sifonoforos, Vogtia kuruae, 1962: Chaetognata, dúas novas especies, 1961: Chaetognata, Sagitta scrippsae e dúas novas especies. Dous exemplares planctónicos levan o seu apelido, o quetognato Aidanosagitta alvarinoae (Pathansali, 1974) e a hidromedusa Lizzia alvarinoae (Segura, 1980).
A partir de 1993 retírase como científico emérito, status alcanzado xa en 1987, e segue publicando os resultados das súas investigacións. A súa obra máis destacada desta época é o estudo sobre a expedición de Malaspina, patrocinado pola Xunta de Galicia. Foi a súa maneira de combater a propaganda dada a Cook como a primeira expedición científica.
Desde Galicia e en recoñecemento á súa importante traxectoria profesional, Ánxeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de Prata de Galicia no ano 1993. Así mesmo, despois de que a Universidade da Coruña lle dedicara a Semana das Ciencias en 2005, o Concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa en honor a unha das mulleres máis destacadas no mundo da ciencia.
Para máis información consultade:
Ningún comentario:
Publicar un comentario